06 May Viaje a Turquía
Artículo escrito por el socio de la Asociación Xulio Xiz, y publicado el martes 05/05/2009 en La Voz de Galicia.
«Y para comer, Lugo» en Estambul
Alfredo Sánchez Carro ha sorrir cando saiba que o seu invento de hai máis de corenta anos soa tan lonxe. Ata agora sabiamos que aquela frase afortunada que impulsou desde a Delegación de Información e Turismo tiña conquistado todo o territorio español, era a nosa tarxeta de presentación, e a mellor publicidade que a gastronomía lucense puido ter.
Foi a semana pasada en Estambul onde nos deixamos caer cento setenta e cinco lucenses Amigos do Camiño de Santiago, ansiosos por vivir en carne propia algúns dos misterios da capital turca.
Xa no Gran Bazar puidemos comprobar a especial formación dos turcos para o comercio, e fomos duramente examinados de regateo, pero foi no Mercado das Especias onde vimos varios letreiros de «Se habla español», e comprobamos que era verdade.
Nun posto dos máis surtidos vimos un cartelón con frases feitas en perfecto castelán, e o seu titular demostrou un libérrimo dominio do idioma máis castizo. E cando nos pregunta de onde somos alguén responde que de España; inquire se de Cataluña e dicimos que de Galicia; seremos santiagueses, logo, e respostamos que de Lugo. Entón, espetounos: «Y para comer, Lugo».
A realidade é esa: Ata en Asia, porque o Mercado está na parte asiática desta ponte entre dous mundos («Asia a un lado / al otro Europa / y allá en el frente Estambul», quixo Espronceda) os avispados comerciantes saben que hai un lugar chamado Lugo onde se come moi ben.